A operación

17 de Maio , 2008

Os feitos semellan estarlle dando a razón a Cacharro: foi a operación Muralla, da que este domingo van dous anos, un acto propagandístico con escaso contido? Ou iso, ou hai máis merda da que sabemos e o xuíz (ou xuíza, que non o teño moi claro) está desbordado.

Por certo, Izaguirre, o promotor dese operativo que puxo a Lugo nos principais informativos nacionais, segue polo mesmo camiño na Audiencia Provincial de Álava. Hai uns meses denunciou a un ex concelleiro do PP en Vitoria por presunta prevaricación urbanística. Xenio e figura.

Reacción

16 de Maio , 2008

A orde do día da xunta de goberno da Deputación da semana pasada cabía nunha cara dun folio. Aos poucos, o PP propuxo, con moita retranca, que estas xuntanzas deixen de ser semanais e pasen a ser mensuais, pola falta de temas e para aforrar cartos públicos. A resposta do bipartito da Deputación chegou coa xunta de goberno de hoxe: dezaseis puntos na orde do día. Tampouco é plan isto de pasar dun extremo ao outro, pero ás veces os políticos de Lugo fan as cousas para darlle nos narices aos da outra beira. Claro que, mentres non haxa orzamento para este ano (tocará este mes, dicía Gómez Besteiro o outro día en Telelugo), non haberá moito que repartir.

E falando de Deputación. En marzo contara eu a historia dun correo interno da Deputación que acabou en mans do PP e, posteriormente, saíu á prensa (Tulix foi o que mellor entendeu a miña metáfora). Curiosamente, estes días pasou algo semellante, aínda que desta volta o correo que se escapou partiu do PP: unha axenda de actividades para a semana que vén. Inocua, pero seguro que interesante para os seus rivais políticos. Haberá contraataque diputacional?

Nomeamentos

14 de Maio , 2008

Este venres toca outro consello de ministros. Sairá deste o nomeamento do primeiro presidente da Confederación Hidrográfica do Miño? Será, como estaba anunciado, Fernández Liñares, aínda que algúns xa o dubidan? O que si parece seguro é que vai haber un nomeamento destes que non van ao consello de ministros. Disque hai unha persoa de Lugo que vai ir para Madrid a asesorar a Eva Almunia, secretaria de Estado de Educación e Formación, do Ministerio de Educación, Política Social y Deporte.

Toma de posesión de Eva Almunia 

A socialista Almunia (na foto, á dereita, a carón da súa xefa, a semi-ribadense Mercedes Cabrera Calvo-Sotelo) é de Aragón e a súa relación coa súa futura asesora luguesa parece que nace no eido sindical, a través do homólogo aragonés do STEG.

Vai ser, por certo, un nomeamento que lle vai a afectar indirectamente a este xornal. ;-)

E falando de medios informativos, a moitos sorprendeulles que o PP se vira envolto na primera manifestación que montaron os veciños da Ponte de Lugo polo dos pisos sociais para xitanos. Creo que a eles mesmos, tamén. O que pasou, din por aí, é que os veciños aproveitaron a presenza dos fotógrafos e os cámaras da tele (que ían ao acto informativo que montara o grupo municipal do PP de Lugo) para se manifestar e ter o eco que doutra forma ao mellor non conseguían. E tiveron éxito: agora mesmo non se fala doutra cousa na nosa web.

Milucho

12 de Maio , 2008

Consellería do Medio RuralMédranlle os problemas a Emilio López Pérez, Milucho, o ex sindicalista que agora é delegado provincial da Consellería do Medio Rural en Lugo. Se hai uns días cargou contra Unións Agrarias, despois da manifestación do Ceao en contra de Leite Río, hoxe tocoulle recibir fogo amigo, xa que as críticas viñeron dende o sindicato agrario nacionalista, o SLG.

Xurxo Álvarez, o derrotado nas eleccións para a executiva labrega de decembro pasado (home que entrou no sindicato en Lugo cando Milucho era quen máis ordenaba), montou este luns unha rolda de prensa en Santiago para acusar á actual directiva de “usurpación de funcións”. E a executiva do SLG respondeu a esta rolda de prensa, na que estaban outras seis persoas, sen cortarse:

“Este grupo de persoas unicamente responde ás consignas recibidas dende a Consellaría do Medio Rural. Temos constancia de que esta estratexia se define conxuntamente co xefe de gabinete da consellaría [Xosé Manuel Puga] e co delegado provincial da consellaría en Lugo”.

Por certo, na web do SLG, no capítulo de ligazóns, non aparece a consellería, a máxima autoridade agraria de Galicia, aínda que tamén é verdade que o capítulo de links é curto.

Así que entre o leite, os casos de lingua azul, as críticas de varios alcaldes do PP, as liortas na constitución dos GDRs (grupos de desenvolvemento rural) dos Leader e, agora, as queixas sindicais, este Milucho non vai dar feito.

En Madrid

10 de Maio , 2008

E como lle vai a Xosé Manuel Barreiro en Madrid coa que hai montada con Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre? El recoñece que dentro do partido hai debate, que iso salta á vista, aínda que tamén cre que ten unha forte compoñente mediática (encántame iso de ver aos medios que sempre foron do PP arreándolle a Rajoy e a os prosocialistas defendéndoo).

Pero creo que ao presidente provincial do PP de Lugo estalle empezando a gustar isto de estar en Madrid. Esta semana, mesmo o reclamaron para opinar sobre temas de política nacional. Pregúntolle se non estará entre os que van figurar na garda pretoriana de Rajoy, ese equipo de próximos que algúns altos cargos lle piden ao presidente do PP nacional que determine dunha vez. Barreiro di que non.

Suplicatorios lugueses

8 de Maio , 2008

O PSOE rematou este xoves o reparto de tarefas no Senado, onde xa saben que unha galega vai ser a voceira do grupo nesta cámara. E é curioso ver onde vai estar o único representante dos socialistas de Lugo, Luis Ángel Lago Lage: nas comisións de Defensa, Peticións, Xeral de Comunidades Autónomas e na de Suplicatorios. A curiosidade vén nesta última, porque alí vai coincidir co seu homólogo (os dous ían, por orde alfabética, de primeiros na papeleta) do PP de Lugo Xosé Manuel Barreiro.

Lago Lage xa estivo nesta comisión na pasada lexislatura (e na de comunidades). É un órgano bastante pechado para os xornalistas, que o único que sabemos das súas xuntanzas é se concedeu o suplicatorio ou non. E máis nada. Na pasada lexislatura, con aquilo da operación Muralla (o día 18 irán dous anos), tiña moito interese, por se Xesús Izaguirre pedía o suplicatorio de Cacharro. Non o fixo, aínda que seguro que ganas non lle faltaron.

Un lugués que si foi obxecto de estudo da comisión foi Xulio Manuel Yebra-Pimentel Blanco, quen fora senador do PP entre 1989 e 2000, e a quen Izaguirre (ou fora García Calderón?) quixera procesar polo suposto uso irregular de fondos municipais. Daquela, aprobárase o suplicatorio, pero a cámara disolvérase e el non repetiu. Nalgún sitio publicouse que Yebra-Pimentel chegara a solicitar publicamente que non se concedera o suplicatorio, contra o que é normal.

Substitucións?

7 de Maio , 2008

Un compañeiro conta o rumor (na última páxina de El Progreso do martes) de que vai haber cambios na representación luguesa no Senado. Aínda non se celebrou o primeiro pleno da lexislatura, que será a semana que vén, e xa hai rumores destes. No PP desmínteno. “Eu non me vou ir”, di Barreiro nun descansiño da súa frenética axenda (Lugo, Guitiriz, Burela, Cospeito, Madrid… eu creo que non debe de ter un día baleiro). Dos seus tamén responde. Do PSOE aínda non teño datos. Pero, igual que a Barreiro, a Lago Lage non creo que lle interese deixalo: pola cousa institucional e partidaria. Pero estou seguro de que a máis de un lle gustaría que o socialista o deixara, porque o seu substituto é Balbino Pérez Vacas, e sería un xeito de xubilar a un ex alcalde (de Ribadeo) de capa caída.

Ah, e aviso aos amigos de Chuza de que o meu apelido é moi común na zona á que pertencemos Vítor Vaqueiro, Nicolás Iván Vaqueiro e máis eu. Ningún dos tres somos familiares.

Sorpresas en Pol

2 de Maio , 2008

Casa e web de PolO outro día, buscando información de varios concellos, descubrín ata onde chega a especulación inmobiliaria. Mesmo a Pol! E iso que parece un concello tranquilo e rural, en declive coma todas. Ocorréuseme clicar na galería fotográfica (invitan a iso na portada) e na sección de Arte e arquitectura atopeime esta curiosa foto ao final. Poño a foto e a web, porque seguro que a retiran un día destes. 

Muller na web de PolNon tendo coñecemento de que teñan algo así en Pol, pregúntome se será un proxecto (é de supoñer que urbanístico) de alguén.  

Tamén me pregunto quen será esa muller que sae na categoría Varios (1)

Que sorpresas dan algúns concellos!

(1) Supoño que será unha foto de proba de cando estaban facendo a web, pero poderían telo retirado… ou darlle máis calidade, no caso de que sexa unha veciña.

Arde Lucus?

30 de Abril , 2008

Alguén moi ben informado cóntame que, este ano, na organización do Arde Lucus hai apelidos ben coñecidos; en concreto, na xestión e na fabricación de aparellos ou armaduras (non me quedou moi claro). Un dos apelidos teno tamén un membro do goberno local. O outro apelido é o dun artesán que estaba (e está, se non me engana a web) ligado politicamente a un partido que non é o PSOE… nin o BNG.

O que aínda non sei é se o nomeamento de Fernández Liñares como presidente da Confederación Hidrográfica do Miño (as súas siglas xa teñen o dominio de internet collido por unha construtora de Alacante) vai chegar a tempo de que Rosana Rielo (que ben lle sentan os vestidos romanos a esta muller!) tome posesión como a súa substituta na corporación municipal e, polo tanto, poida estar presente coma sempre e de xeito institucional no Arde Lucus. Disque no Concello traballan con esa previsión.

Entrañable

28 de Abril , 2008

Encántame ese detalle entrañable que conta Lara Méndez, vicepresidenta segunda da Deputación, na sección Entre Pucheros de La buena vida, o noso suplemento dos sábados. Iso de que a nai lle manda comida cando vai a San Cibrao. Calquera agardaría unha cousa así dun político (política neste caso) de sona. Que tería sido de nós sen as nosas nais rurais e os seus saborosos envíos? E que tire a primeira pedra o que nunca o fixo.