Hai nada
Martes, 29 de Xuño, 2010HAI 25 anos, o xornalismo era máis complicado que agora. As únicas fotos do día eran as que facían os nosos fotógrafos ou as da telefoto; ninguén che mandaba unha imaxe da inundación que houbera unha hora antes, porque positivar era unha cousa que levaba días. Nas redaccións, había uns poucos teléfonos, e eran menos os que podían comunicar co exterior. As mesas estaban cheas de papeis, porque a xente mandaba as noticias a través do correo ordinario, e o teletipo tamén viña en papel continuo (nós tiñamos un home dedicado especificamente a miralo). Os correspondentes ou chamaban ou mandaban as cousas polo bus de liña (e había que ir buscalas) ou usaban unha cousa chamada Dex ou Dax, antepasado antediluviano do fax. E se querías algo de documentación, ou acudías á memoria de alguén ou mirabas, se cadra, algunha enciclopedia que houbera no arquivo: internet, por suposto, era unha palabra que nunca se oíra. E o máis sorprendente é que a xente só estaba localizable cando estaba na casa ou no traballo: non podías obter unhas declaracións dun conselleiro cando ía pola autopista, por exemplo. Todo iso, que parece prehistórico, ocorría hai nada, 25 anos. Serán os que cumprirei nesta profesión o vindeiro 3 de agosto.
