Archivo de ‘Eleccións’ Category

Prazos

Martes, 18 de Maio, 2010

OS BRITÁNICOS votaron non hai nin dúas semanas e xa teñen novo goberno, porque na democracia máis antiga do mundo o cambio de executivo é cuestión de días. Mentres, en España, o prazo é maior, mesmo a nivel autonómico: por exemplo, os actuais presidentes de Galicia e País Vasco gañaron as eleccións o mesmo 1 de marzo de 2009, pero o galego leva gobernando un mes máis. O tempo que transcorre entre as eleccións e a entrada do novo goberno vaise nunha serie de trámites para garantir a limpeza do proceso. Quere iso dicir que os británicos, con séculos de democracia ás costas, son menos garantistas/precavidos que os españois? Non: quizais o que quere dicir é que os británicos nin desconfían dos electores ou os políticos, nin estes teñen tentacións de corromper ou cuestionar o sistema, co cal non é necesario extremar os controis. En España, en cambio, tivemos o ‘canovismo’, que promovía os amaños electorais. Na segunda democracia máis asentada da Terra, Estados Unidos, tamén pasa un bo tempo entre a elección dun presidente e a súa investidura. Pero as cousas son diferentes: alí, eses dous meses son para homenaxear ao saínte; aquí, ese tempo de espera emprégase, en demasiadas ocasións, en tomar acordos que logo hai que rectificar.

Catedral acesa

Mércores, 22 de Xullo, 2009

Catedral iluminada (Foto: J. Vázquez)

Con agradable sorpresa, a semana pasada descubrín que a catedral de Lugo volve iluminar a miña paisaxe nocturna (dende a casa vese coma un espléndido faro na noite). O monumento levaba varios meses coa iluminación ornamental desactivada e, a falta de anuncio oficial, foron varias as teorías sobre o porqué dese apagón. A crise levou a reducir o alumado en varios monumentos, pero a veciña muralla si que o mantivo todos estes meses. Así que alguén pensou que mesmo podería ser un castigo da anterior Xunta (responsable da iluminación) polas queixas que emitiu o Bispado polo uso da basílica e da igrexa da Nova como pantalla nos mitins inaugurais do PSOE e do BNG, respectivamente, nas pasadas eleccións autonómicas. Pero seica a explicación é máis técnica: a culpa debérona ter as obras do mamotreto que está a construír a Universidade xusto diante da entrada principal. A luz, por se alguén non se deu conta, non sae do edificio (agás no campanario, creo), senón que é proxectada dende uns focos exteriores. Algúns deses proxectores houbo que desactivalos durante unha fase das obras do edificio universitario.

‘Alcaldables’

Martes, 23 de Xuño, 2009

A verdade é que esperaba que alguén se queixara polo meu prognóstico do domingo 7 de xuño de que ningún cabeza de lista dos partidos maioritarios vai repetir nas vindeiras eleccións locais no concello de Lugo. Pero non recibín chamada ou queixa ou expresión de malestar algunha. Só López Orozco me fixo un cariñoso e sorrinte comentario tres días despois, aproveitando a súa estancia no xornal para entregar os Premios Muralla. Dixo que Gómez Besteiro e el se fixeran unhas risas o domingo lendo a miña crónica. Por se acaso, xusto unha semana despois, o pasado 14 de xuño, en El País, o alcalde proclamaba que se vai presentar á reelección “indubidablemente que si” e que o vai facer “con forzas e ganas”. Xosé Anxo Lage non abriu a boca ao respecto, e García Díez si que a abriu, pero para deixar máis dúbidas: nin que si nin que non, dixo escudándose detrás dunha realidade incontestable: quedan aínda dous anos para as eleccións.

Esa é, por certo, a liña oficial do PP (“Pero se vimos de saír de dúas eleccións! Que queredes? Unha cada seis meses?”, protestoume entre risas Xosé Manuel Barreiro hai uns días). E a do PSOE é a de sempre: o normal é que repita o alcalde naqueles concellos onde se goberna. Pero aínda falta moito para o último domingo de maio de 2011, que vén sendo o día 29. Ese ano non haberá problemas coa Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, que caerá en xullo (o Venres Santo é o 22 de abril).

A campaña e os medios

Mércores, 3 de Xuño, 2009

Carteis para as eleccións europeas do 2009 (Foto: Xesús Ponte)

Esta está a ser unha campaña electoral un pouco morta, ademais de estraña, como é habitual. Vese mesmo nos carteis que colgan nas rúas de Lugo. Nos do PSOE parece que os que se presentan son Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy; na do PP nin aparece o nome do candidato, o que obriga ao cidadán común a facer un esforzo de memoria (é Rubalcaba? Non, é Mayor Oreja).

Os únicos que utilizan os paneis de madeira son o BNG e Esquerda Unida. Durante uns días, a nacionalista Ana Miranda, a candidata que non é cabeza de lista, era a única que aparecía neses paneis (a foto é da primeiro fin de semana de campaña). Agora xa a acompaña Willy Meyer, o, este si, cabeza de lista de EU.

Claro que logo pos a tele e segues coa mesma confusión. Na TVG dedícanlle un bo tempo a Núñez Feijóo e Pachi Vázquez, e máis dun debe de preguntarse se estes dous políticos galegos concorren ás eleccións. E cando chegan os minutos do BNG, a confusión acrecéntase, porque o único que sae é Guillerme Vázquez, que non é candidato. A maior parte das veces, nin sequera hai unha imaxe para Miranda, que si que é aspirante a escano en Estrasburgo.

Por certo, os do BNG deberían buscarlle urxentemente un asesor de imaxe a Vázquez, porque iso de ler os discursos no mitin xa non se leva. É significativa a evolución mitineira do Bloque: na campaña das galegas, víamos a Quintana sen atril e cun micrófono inarámico; ás veces, afastábase un segundiño para consultar un papel, un pequeno guión, pero o resto era (ou semellaba) improvisado. Agora, Vázquez simplemente le e non se despega do atril. Si que veñen novos tempos no BNG.

Publicidade

Martes, 31 de Marzo, 2009

Cartel electoral de Xuventudes Socialistas (Foto: Pepe Álvez)

Pérez Touriño e, en menor medida, Núñez Feijóo seguen estando presentes nos carteis publicitarios de Lugo cando xa pasaron catro semanas dende as eleccións autonómicas. Anxo Quintana, en cambio, desapareceu xa hai uns días, substituído por anuncios de moblerías, entre outros. Non sei se será consecuencia da Crise, que non hai quen se anuncie, ou se socialistas e populares andaban tan sobrados de cartos que pagaron xornadas de máis. Pero resulta chocante seguir a ver estes días o anuncio do “Queres que volvan?”, porque a esta pregunta xa lle temos resposta, non?

Caraveis para a rosa

Sábado, 7 de Marzo, 2009

logo do psoeOs socialistas galegos escolleron un día significativo para celebrar o congreso extraordinario que vai unxir ao sucesor de Pérez Touriño: o 25 de abril. Pero non creo que o partido da rosa vaia facer unha revolución como a dos caraveis portuguesa, senón todo o contrario. O venres, Antonio Riva apuntaba nos seus Susurros que o sucesor in pectore, Manuel Vázquez, está chamado a prepararlle o camiño a un lugués. Non sei se apunta a Xosé Blanco, como din algúns rumores, o a Xosé Ramón Gómez Besteiro, como apuntan outros. Dende logo, non a Xesús Otero, a quen algúns querían como relevo de López Orozco na alcaldía de Lugo. Outra cousa é se sae indemne da trama das multas, que por agora os únicos que o xulgaron non foron os xuíces, senón algúns posteadores (palabra que non vén de posta, senón de post) de Galiciaé e Elprogreso.es.

Antes, a comezos de abril, o partido terá que elixir un voceiro parlamentario, que pode ser o próximo secretario xeral ou non. Se non coinciden, é de supoñer que o elixido voceiro a comezos de mes deixaralle o posto ao novo xefe. E despois hai outro labor importante, que é prepararse para as europeas, esas eleccións que interesan tan pouco en España, agás aos políticos, e máis en tempos de Crise.

Alusións persoais

Venres, 6 de Marzo, 2009

Tanto falar de alusións persoais durante na campaña, sobre todo no lado bloqueiro, fai que a miña memoria recupere un antigo feito, hoxe esquecido. Ten que ver co BNG, cun tema moi íntimo e con Lugo. Porque agora o Bloque anda a queixarse das alusións ás relacións persoais e sentimentais de Anxo Quintana, pero hai uns anos, certo famoso líder do BNG non se recataba de facer alusións ás relacións persoais de certo presidente da Deputación de Lugo. Iso si: non insinuaba malos tratos.

Cabreo socialista

Mércores, 4 de Marzo, 2009

Sei que algún alcalde do PSOE da provincia de Lugo está a punto de agarrar a escopeta (é unha metáfora) para ir pedir explicacións en Santiago, porque algúns rexedores si que se bateron o cobre na campaña electoral e cumpriron a súa parte, pero os seus xefes fixérono rematadamente mal. Eses alcaldes vense agora nun bo apuro, porque, para o seu gusto, a Deputación está a ser demasiado equidistante e, dende logo, a nova Xunta vai varrer para a casa, como corresponde. Así que nas vindeiras semanas veremos a máis dun alcalde pedindo cabezas, e non lles vai valer só a de Pérez Touriño.

A versión do PSOE oficial é que a meirande parte da culpa é do labor do BNG, e se os socialistas de Ourense conseguen o escano que está en disputa na emigración, esta versión verase corroborada. Pero este mércores algún persoeiro socialista de Lugo recoñeceu, nunha xuntanza do grupo, que esa é unha explicación demasiado simplista. Segundo este persoeiro, os conselleiros socialistas non publicitaron ben o seu labor, houbo erros de vulto e algún alcalde traballou de menos. Ou sexa, que as culpas están máis repartidas do que parece. E xerou moita alarma o sucedido en Lugo cidade.

O de antes e o de agora

Martes, 3 de Marzo, 2009

Na entrevista con Xosé Manuel Barreiro que publica este martes El Progreso, recordeille iso de que o novo hospital de Lugo é un proxecto posto en marcha polo PP e que, despois de catro anos de bipartito, vai inaugurar un presidente da Xunta do PP. Pero despois recordei que a lista de cousas das Xuntas de Manuel Fraga que van rematar en mans da Xunta de Núñez Feijoo é máis ampla. Velaquí van unhas poucas, que recordo a bote pronto:

  • Corredor Monforte-Sarria.
  • Auditorio de Lugo.
  • Autovía Ferrol-Vilalba.
  • Plan Paradai.

Este luns discutía cun amigo concelleiro do PP sobre a causa da derrota do bipartito. Un dicía que influíu moito o do Audi e o despacho de Touriño; o outro, que os que votan menos visceralmente tamén tiveron en conta a rapidez con que se executaron algunhas infraestruturas nestes catro anos. O que pasa é que sospeito que as cousas tampouco van ir rápidas, polo menos, nos dous vindeiros anos: para facer, primeiro hai que desfacer, ou iso semella que pensa todo gobernante que se prece.

18. A arte de quedar todos contentos… ou non

Luns, 2 de Marzo, 2009

O MELLOR dunhas eleccións como as que vimos de celebrar onte é que todo o mundo queda máis ou menos ledo… case sempre. E escribo “case sempre” porque onte á noite había algún socialista de Lugo que non estaba nin para coller o teléfono.

Pero no caso concreto desta provincia, moitos teñen motivos para dar saltos de alegría, aínda que, se cadra, non polos resultados provinciais do seu partido… ou si.

Barreiro

Por suposto, o máis contento vai ser Xosé Manuel Barreiro, que obtén un éxito electoral ao que ultimamente non estaba afeito, porque gañar gañaba sempre, pero iso non representaba estar no goberno. Desta, cunha cabeza de lista imposta dende Santiago e cando as enquisas previas auguraban que o PP perdía un escano en Lugo, os resultados finais son realmente para celebrar dentro do partido. Non houbo suba, como si ocorreu na Coruña ou Pontevedra, pero tampouco caída (nin sequera en porcentaxe de votos), o que pode ser un aval á hora de pedirlle a Núñez Feijoo que teña en conta aos lugueses cando confeccione o seu goberno. Ademais, Barreiro conta cun aval engadido: despois de moito tempo, o PP gañou claramente na capital provincial, e Lugo mantense como segundo almacén de votos autonómicos populares.

A recuperación da Xunta seguro que tamén leva a ledicia a moitos populares: ábrese unha bolsa de emprego importante, aínda que o presidente electo xa anunciou que vai reducir o número de consellerías e incluso o de delegados provinciais. Haberá que contentarse con direccións xerais ou xefaturas de negociado ou de servizo.

Ben, tamén podemos mirar cara arriba e pensar noutras cousas: que consellería lle tocará a Lugo? Quen será conselleiro? Veremos a Raquel Arias culminando a súa carreira á dereita de Núñez Feijoo -non sei se aproveitar este momento para recordar que fun dos primeiros en gabala como oradora ;-) ? Haberá unha consellería de Pesca para José Manuel Balseiro ou unha presidencia do Parlamento autonómico para Agustín Baamonde ou Daniel Varela? Claro que, de facer caso ás cousas que dicía o socialista Ricardo Varela durante a campaña -que Arias e Barreiro non se falaban-, se cadra o ascenso de Arias non beneficia ao presidente provincial do PP e, sempre segundo esa teoría, Balseiro e Baamonde, pola súa proximidade a Barreiro, igual non o teñen tan doado.

Outra lectura que lles gustaría a algún (especialmente os socialistas nesta hora de dor) é que Núñez Feijoo queda agora lexitimado para desmantelar definitivamente o grupo da boina do PP galego; claro que Barreiro é máis dócil que o irredento Baltar, e por aí non vai ter problema.

Blanco (Fernando)

O nacionalista Fernando Blanco tamén ten algún motivo para sorrir, aínda que perderá o despacho oficial. Lugo, con Ourense, foi a única provincia onde o BNG subiu, e nalgúns dos concellos con alcalde bloqueiro (Riotorto, A Pobra de Brollón) esta formación plantoulle cara ao PP.

Haberá que ver como lle afectan a Lugo as peticións de contas que vai facer a UPG en Santiago. Quen sabe? Se cadra, mesmo Blanco (o conselleiro nacionalista mellor valorado) pode optar a algún cargo no Bloque, a nivel nacional, se o partido abre unha purga para levarse por diante a Quintana.

Ricardo Varela

O que queda menos claro é o futuro de Ricardo Varela, vicesecretario xeral do PSdeG. Os resultados electorais non foron tan malos… descontando a cidade de Lugo. Moitas das novas alcaldías déronlle bos réditos ao PSOE (A Pontenova, Láncara, Navia de Suarna…) e algunhas das veteranas mantiveron o tipo (nomeadamente, Pedrafita), aínda que algúns clásicos fallaron (Foz, As Nogais). Pero o de Lugo cidade foi un forte golpe, que pode ter consecuencias para López Orozco.

O que pasa é que, con isto das eleccións autonómicas, o PSOE galego deixou aprazado para esta primavera un asunto que vai reabrir máis dunha ferida: a reorganización do partido, para darlle unha estrutura provincial. Vai ser unha boa ocasión, primeiro, para mandar para a casa a Pérez Touriño (o segundo socialista galego que perde o goberno) e, a continuación, para levarse por diante a algún dos xefes actuais. Varela pode, nesta situación, ou ser o piloto do cambio, tanto na secretaría xeral galega como na organización territorial, ou ser arrastrado pola marea.

Blanco (Xosé)

É posible que o futuro do actual número dous do PSdeG non dependa de Lugo, senón de Madrid. Haberá que ver como lle senta ao PSOE nacional esta derrota en plena crise e como queda o seu número dous, o tamén lugués José Blanco. Responsabilizarao Rodríguez Zapatero do fracaso? Ou será o recambio para Pérez Touriño, como xa ten apuntado algún cronista político galego? Ou ascenderán a Blanco a ministro para que se enfronte con Núñez Feijoo, que seguro que vai dar guerra co tema das infraestruturas?

Porque non é a primeira vez que o presidente electo se enfronta cun Goberno central do PSOE. Xa o fixo entre marzo de 2004 (cando Zapatero gañou) e xuño de 2005 (cando Touriño gañou), e a liorta foi boa: de feito, neses quince meses Manuel Fraga usara a Núñez Feijoo de ariete contra unha ministra de Fomento que segue a ser a mesma.

Gómez Besteiro 

As perspectivas que se abren no PSOE lugués son tan variadas que mesmo poderíamos ver a un presidente de Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gomez Besteiro, emigrando a Santiago. O que vai ser a institución provincial, dende logo, é un ariete contra a Xunta popular, aínda que nos primeiros intres, e de portas fóra, haberá poses de colaboración «leal e institucional» entre as dúas institucións. Non serán cribles, claro.

No que si vai ser protagonista a Deputación é nos movementos de postos de traballo que vai haber nos meses inmediatos: onde imos colocar, se non, a todos os socialistas e nacionalistas que tiñan copados os postos intermedios na Xunta?

Tres momentos

Emoción. Xsé Manuel Barreiro chegou a emocionarse no seu discurso de onte á noite, na sede popular. Os resultados en Lugo e en Galicia, e esa luz que o PP ve ao final do túnel, xustifícano.

Silencio. Algún socialista lugués quedou tan ofuscado que nin gañas tivo de poñerse ao teléfono para atender á prensa.

Urbanitas. Unha gráfica (e quizais acertada) explicación do fracaso do BNG, que medra na Galicia interior e baixa na urbana: “A culpa foi dos pijos urbanitas”, dito por un militante bloqueiro.