A tele
Martes, 30 de Marzo, 2010ESTE APAGAMENTO analóxico do Venres Santo vai ser como dicirlle adeus a unha vella forma de ver a televisión. E tal e como van as cousas, a algúns dos que viven en zonas rurais vailles parecer como se volveran anos atrás, cando non había xeito de ver algunhas cadeas ou calquera incidencia meteorolóxica convertía a imaxe nunha nube de puntos. Recordo cando movías o dial un chisquiño, para ver se atopabas outra frecuencia na que se vira menos mal (non mellor, senón menos mal), e nas aldeas mesmo movías a tele ou a antena. Agora, a cousa xa non vai ser así, aínda que os problemas seguen, pero modernizados: onde antes había puntos, agora queda a pantalla en branco ou azul (depende da marca da tele) e a imaxe non ’salta’, senón que, simplemente, queda pixelizada ou parada, e agora poden pasarche cousas como ver ben unha canle na sala pero mal no dormitorio que está ao outro lado da parede. Algúns van levar un chasco co cambio, sobre todo coa programación, e en especial os que van ter que acudir ao satélite (e, por tanto, pagar) para seguir vendo a tele. Porque resulta que a televisión, esa na que as frecuencias son outorgadas por un Goberno que, por exemplo, regula en que horarios se poden emitir algúns contidos ou non, non é oficialmente un servizo público. Que cousas!
