Archivo de Abril, 2010

Descoñecidos

Martes, 27 de Abril, 2010

UN MEDIODÍA de hai moitísimos anos, cando eu traballaba na Coruña, tropeceime nos Cantóns cunha rapaza de beleza anxelical, á que non cheguei falar. Recordo que daquela deixárame impactado, aínda que hoxe non son quen de recordar, por exemplo, se era loura ou morena. Cando, semanas despois, o comentei na casa, a miña nai dixera algo así como “ai, eses descoñecidos que atopas e nunca volves ver!”. Esta semana acordeime do suceso porque me decatei de que cada día, no camiño entre a casa e o traballo, cruzo cunha morea de descoñecidos que xa se me fan coñecidos. É consecuencia de ter uns horarios fixos. Así, a mediodía paso a carón de xente que vai pintada como unha porta, ou algún home (sempre o mesmo) que leva a filla ao colexio, ou unha señora con neno que me recorda a unha antiga compañeira da facultade. Hai unhas tardes, cruceime con esta última na Ronda, e quedou ollando para min con estrañeza: lóxico, porque era a primeira vez que nos víamos fóra da nosa rúa, que é onde nos cruzamos habitualmente a mediodía. É xente á que non saúdas, porque o único que tedes en común é que compartides o mesmo espazo uns segundos cada día. E, ademais, imaxínense a curiosa situación que se pode dar se quen vai contigo pregunta quen é ese a quen saúdas: pois non sei, responderás sinceramente… e, sinceramente, quedarás como un parvo.

Cartos virtuais

Martes, 20 de Abril, 2010

SE CADRA, leron a semana pasada a noticia de que a Policía detivera en Lugo un grupo de ladróns que lle roubara 1.641 euros a unha señora maior no centro da cidade. De cando en vez, os xornais informamos de roubos de cartos de catro ou máis cifras en efectivo (seis ou sete díxitos, nos tempos da peseta) e moitos preguntámonos como pode haber xente que anda pola rúa con máis de cen euros no peto, e xa non digamos máis de mil. Pero seica é do máis normal. E pasa especialmente coa xente maior. Un vai ao banco nos primeiros días de mes (unha experiencia para a que hai que ter tempo ou paciencia) e atópase ringleiras de maiores contando o papel moeda e facendo pequenos montóns: este, para a conta da luz; este, para a conta na que teño o teléfono… É moi curiosa ese costume (que os meus maiores nunca me deron explicado) de repartir os recibos en varias contas, ás veces de bancos diferentes. Penso iso eu, que o teño todo nunha, e ás veces nin me decato de cando chega a factura da luz e cando a do gas. Hai tempo, cheguei á conclusión de que os cartos non existen. E cando se poñan de moda os moedeiros electrónicos e poidas pagar con tarxeta o pan (o único gasto fixo diario que teño), todo o noso diñeiro será unha combinación de bits ou sinais eléctricos, sen que o poidamos ver de xeito tanxible. Pero, por sorte para a Fábrica da Moeda, aínda haberá anciáns que pedirán cartos tocables, “e deixádevos de caralladas virtuais”.

Programar

Martes, 13 de Abril, 2010

SER PROGRAMADOR de televisión debe de ser un traballo ben pagado pero complicado, e máis agora que hai que encher tantas canles. A solución máis doada, tanto para as cadeas ‘vellas’ (as que emitían en analóxico) como para as ‘novas’, é a de repoñer vellas producións. Grazas a iso, por exemplo, podemos volver ver en FdF a serie máis maltratada da historia da televisión en España (‘Urgencias’), sorrir co mal que envelleceron ‘Los hombres de Harrelson’ ou ‘Los gozos y las sombras’, descubrir a tensión sexual agochada nunha serie supostamente xuvenil como ‘Buffy cazavampiros’ ou ver en horario de tarde ‘Doctor Mateo’. Esta última é exemplo de algo habitual: series que na era analóxica eran de ‘prime time’ ou, polo seu posible contido ‘adulto’, se emitían fóra do horario infantil, agora caen en calquera momento. Aínda que xa contei que o mellor exemplo é o de ‘Rex’, que en Galicia vemos como unha serie infantil, pero que na súa Austria orixinal debeu de ser un espazo ‘adulto’, a xulgar polas escenas de sexo explícito que contén, sobre todo na primeira tempada. Volveremos a velas un día destes, porque outra característica desta era das 30 canles é a repetición de programas que xa vimos centos de veces, iso si, cambiándoos de horario, para que non teñamos posibilidades de fuxir deles.

Banda sonora

Martes, 6 de Abril, 2010

POLA NOITE, a miña casa semella ter vida propia. Cando máis silencioso está todo, é cando máis ruído fan as cousas. As madeiras rinchan, algunha greta da pintura tamén medra, os ciclos de frío da neveira póñense en marcha sos e, nas noites de moito frío, o temporizador da calefacción tamén se suma a este festival de ruídos nocturnos. A madeira, un material moi abundante no meu piso (nas portas e no 70% dos chans), é a principal protagonista, especialmente cando incha ou encolle pola calefacción: algúns estalos son tan estrondosos que ás veces téñenme espertado sobresaltado, como se alguén estivera botando abaixo a porta da casa. Algunha noite, na cama, mentres agardo a que chegue o sono, xogo a identificar a procedencia do ruído: ese é o chan da sala; ese, o sexto chanzo da escaleira… Na aldea da túa infancia, onde as casas teñen faiado, atribuías este ruído ás ratas, inquilinas habituais das vivendas vinculadas ás explotacións agrarias; agora, que vives en cidades nas que os bloques de pisos non teñen faiados senón baixo cubertas habitados, estes sons non teñen un causante animado, senón inanimado, que fan que, ao igual que cada casa ten o seu olor inconfundible e único, tamén cada vivenda teña a súa banda sonora.