Archivo de Maio, 2010

Juanjo

Martes, 25 de Maio, 2010

FOMOS COMPAÑEIROS de xornal durante un tempo, pouco, porque Juanjo axiña foise para a competencia, que lle fixera unha moi boa oferta. Anos despois, competimos facendo información municipal no Concello da Coruña. Controlaba de todo e sabía dalgunhas cousas máis que os propios funcionarios. Así que eu sentíame como se fose o Foz de Preferente xogando contra unha mistura do Barça e o Inter. A mención a Foz vén porque ao pouco tempo un nativo desta localidade mariñá, Salvador Fernández Moreda, chamouno para o gabinete de prensa da Deputación da Coruña, e xa me puiden relaxar cubrindo a información municipal. Recordo que, cando se foi, o propio Paco Vázquez lle fixera, con bastante cachondeo, una despedida oficial, porque, claro, Juanjo era toda unha institución. Daquela aínda levaba un espeso bigote, fumaba como un poseso e xa exhibía ese sorriso inconfundible, ao que lle daba un toque retranqueiro que se facía inesperado en alguén que nacera en Burgos. Este domingo lin a noticia de que morrera dun infarto. Estaba a traballar no seu despacho un sábado pola tarde: Juanjo Gallo era dos que non sabía dicir que non cando lle pedías un favor. E xa non sei que é o que me ten hoxe compunxido, se a morte do ex compañeiro ou o vello que me fai sentir o seu falecemento: sempre é demasiado cedo para empezar a asistir a funerais da xente da túa quinta (ou case).

Prazos

Martes, 18 de Maio, 2010

OS BRITÁNICOS votaron non hai nin dúas semanas e xa teñen novo goberno, porque na democracia máis antiga do mundo o cambio de executivo é cuestión de días. Mentres, en España, o prazo é maior, mesmo a nivel autonómico: por exemplo, os actuais presidentes de Galicia e País Vasco gañaron as eleccións o mesmo 1 de marzo de 2009, pero o galego leva gobernando un mes máis. O tempo que transcorre entre as eleccións e a entrada do novo goberno vaise nunha serie de trámites para garantir a limpeza do proceso. Quere iso dicir que os británicos, con séculos de democracia ás costas, son menos garantistas/precavidos que os españois? Non: quizais o que quere dicir é que os británicos nin desconfían dos electores ou os políticos, nin estes teñen tentacións de corromper ou cuestionar o sistema, co cal non é necesario extremar os controis. En España, en cambio, tivemos o ‘canovismo’, que promovía os amaños electorais. Na segunda democracia máis asentada da Terra, Estados Unidos, tamén pasa un bo tempo entre a elección dun presidente e a súa investidura. Pero as cousas son diferentes: alí, eses dous meses son para homenaxear ao saínte; aquí, ese tempo de espera emprégase, en demasiadas ocasións, en tomar acordos que logo hai que rectificar.

En branco

Martes, 11 de Maio, 2010

DE CANDO EN VEZ asáltame o medo á pantalla en branco. Que cheguen as sete da tarde e aínda non saiba de que escribir, ou que dean as oito e si teña elixido o tema pero non dea coa orientación acaída. Nese intre chegan os nervios e unha bandada de bolboretas invade o meu estómago. Ata hai 105 días (veño de contalos), combatíaa fumando; agora, os chicles non me chegan. Temas, sempre hai varios, polo menos para estas columnas de martes, pero fallan o desenvolvemento, o enfoque ou, sobre todo, o final. Ás veces ocórrenseme ideas brillantes (ou iso me parece), pero non dan para máis de cinco liñas. As salas de espera do Sergas son unhas grandes aliadas, e por iso dende hai anos levo comigo un pequeno caderno no que esbozar Re Varias; en ocasións, a espera é tal que me dá para escribir (sempre o fago a man, para pulir no ordenador) os 1.240 caracteres desta columna. O do caderno está inspirado en parte polos mestres do Novo Periodismo (grandes renovadores da nosa linguaxe) e por un vello conto: trataba da historia dun guionista que nunca recordaba os seus sonos, aínda que sabía que neles aparecíanselle grandes argumentos. Así que decidiu poñer un caderno a carón da cama para apuntar de noite eses sonos. Unha mañá espertou coa sensación de que soñara algo interesante e que o apuntara medio durmindo. Foi mirar no caderno e si, alí había algo anotado, e a brillante idea era… “Mozo coñece moza”. A min, en troques, o que me pasa é que non sei onde carallo metín as notas para este artigo.

Paraugas

Martes, 4 de Maio, 2010

XUSTO CANDO comezaba unha das chuvascadas máis intensas do mediodía deste luns, o meu paraugas decidiu rachar. Así que aí me teñen a min, cinco minutos antes de que pechen os comercios, á procura dun substituto. Comezo co máis próximo, dúas tendas de fogar. En tempos tiveron paraugas bonitos, pero os de agora son demasiado rechamantes ou moi febles. Sigo polos chineses: téñenos baratos, pero non me convencen. Xa pola tarde, opto pola tradicional tenda de paraugas. E alí descobres o difícil que pode chegar a ser escoller un simple pau cunha tela para protexerte da chuvia: de aceiro, con vara de aluminio, con puño de madeira ou de plástico, máis ou menos flexible, que vira co vento ou non. Despois, o dependente pregunta: Ten que ser negro? Non, respondo. E daquela, o número de paraugas sobre o mostrador chega á ducia. Aí vexo que mesmo nisto hai modas: agora, o que se leva, nos paraugas para homes, son os estampados. Na tenda chegaron a ter un de raia diplomática. E eu, que ía coa idea de comprar un negro normal e corrente, acabo recordando que sempre merquei chisqueiros rechamantes (o mellor xeito de evitar que os demais os confundan cos seus), e decido levar un dos estampados. É o primeiro paraugas metrosexual que compro.