Archivo de Xuño, 2010

Hai nada

Martes, 29 de Xuño, 2010

HAI 25 anos, o xornalismo era máis complicado que agora. As únicas fotos do día eran as que facían os nosos fotógrafos ou as da telefoto; ninguén che mandaba unha imaxe da inundación que houbera unha hora antes, porque positivar era unha cousa que levaba días. Nas redaccións, había uns poucos teléfonos, e eran menos os que podían comunicar co exterior. As mesas estaban cheas de papeis, porque a xente mandaba as noticias a través do correo ordinario, e o teletipo tamén viña en papel continuo (nós tiñamos un home dedicado especificamente a miralo). Os correspondentes ou chamaban ou mandaban as cousas polo bus de liña (e había que ir buscalas) ou usaban unha cousa chamada Dex ou Dax, antepasado antediluviano do fax. E se querías algo de documentación, ou acudías á memoria de alguén ou mirabas, se cadra, algunha enciclopedia que houbera no arquivo: internet, por suposto, era unha palabra que nunca se oíra. E o máis sorprendente é que a xente só estaba localizable cando estaba na casa ou no traballo: non podías obter unhas declaracións dun conselleiro cando ía pola autopista, por exemplo. Todo iso, que parece prehistórico, ocorría hai nada, 25 anos. Serán os que cumprirei nesta profesión o vindeiro 3 de agosto.

Don José

Martes, 22 de Xuño, 2010

PÍDEME o corpo que escriba algo sobre Saramago (sempre don José): cando foi o motivo inicial dunha conversa que derivou nunha relación sentimental; cando foi a razón dunha peregrinación por Portugal á busca de Mafra (alguén faloume dunha persoa que percorreu Lisboa seguindo o itinerario de Ricardo Reis) ou cando convertín ‘Memorial do convento’ na novela de benvida con que agasallo aos meus novos amigos. Xa digo: pídemo o corpo, pero por un lado non teño moi claro que á xente normal lle interesen as miñas inquietudes literarias (e menos nestes tempos futboleiros) e, por outra, preocúpame a frecuencia con que saco temas mortuorios nesta columna dos martes. Ás veces penso que vou camiño de ser como o meu avó materno, de quen provén a miña paixón pola lectura de xornais: el ás veces só miraba a información necrolóxica. Outras veces, penso que é cousa da idade; a partir de certo número de anos, un xa empeza a mirar cara a morte: non é que penses que vas morrer mañá, pero si faste á idea de que algún día terás que empezar a perderlle o medo á Parca. O fodido é o que me dicía unha compañeira: o chungo é cando, en lugar de acudir aos funerais dos familiares dos teus amigos, comezas a asistir aos dos teus amigos. Aí si que vas vello.

Bangkok

Martes, 15 de Xuño, 2010

ADOITO seguir con interese as noticias que chegan das cidades ou vilas que visitei algunha vez, sobre todo se están tan lonxe ou son tan cativas que as novas chegan de ano en ano. Hai unhas semanas estivo no centro da actualidade, por unha liorta política, unha delas, Bangkok. A capital tailandesa podería ser un modelo de cidade futurista, desas nas que as autopistas sobrevoan unhas por riba das outras (vin ata catro niveis), onde é habitual ver á xente pola rúa con máscaras e onde un pode estar no centro, relativamente, pero estás no quinto pemento. Ademais, cando vas de turista non ves onde vive a xente normal, senón onde traballa. Recordo que da cidade chamáranme a atención dúas cousas: unha, o incesante ir e vir dos seus habitantes, a xente que era quen de instalar en calquera beirarrúa un posto da cousa máis estraña do mundo (en Chiang Mai, outra das grandes cidades tailandesas, vendían arañas e formigas fritidas), fose a hora que fose. A outra era esa cheirume a podre que de cando en vez saía dos sumidoiros: é curioso, na avanzada Lugo, en pleno centro, algunha vez téñome atopado con ese mesmo cheiro miasmático. Alí atribuíao ao calor húmido; aquí, non sei; será que, no fondo, todas as cidades teñen as mesmas miserias.

O ‘Changai’

Martes, 8 de Xuño, 2010

NA CASA diciámolo cun ch, porque a aquelas idades iso do s aspirado inicial soábanos estraño: así que para nós, naquela España de finais dos sesenta, non era o ‘Shanghái’, senón o ‘Changai’, aquel tren que ía de Galicia a Cataluña, que tiña moitos vagóns e que a nós, pequenos que non chegabamos aos oito anos, antollábasenos como o máximo en trens, máis incluso que ‘o expreso’ (nome único para o que ía a Madrid), que semellaba máis próximo. Cando medrei, souben que non eramos os únicos galegos que usabamos ese sobrenome para ‘o catalán’ (outro alcume para o expreso de Barcelona) e souben que o chamaban así porque a viaxe duraba tanto que mesmo parecía que ías a esa cidade chinesa (con dous haches e acento, di a RAE) que está a máis de 9.000 quilómetros de Lugo. Hai pouco, un catalán maior ca min contoume a viaxe dende o outro lado: di que, cando era neno, o tren paraba polas noites e o periplo ata Galicia duraba máis de dous días. Tremendo. Eran outros tempos e eran outros trens. A semana pasada estrearon en Vigo un documental sobre a emigración galega, e non falta, claro, o ‘Changai’ (nome real dunha cidade de, creo, Gambia). Para nós, netos de ferroviario, o expreso de Cataluña e o de Madrid eran exemplo de importancia: unha vila era importante se paraban nela os dous trens. Quizais por iso na miña aldea hai tan poucos emigrantes a Cataluña ou Madrid.

Xogando

Martes, 1 de Xuño, 2010

NOS MEUS tempos na Coruña, moi noctívagos, adoitaba ir de cando en vez polo bingo. Ás dúas da mañá, hora en que rematabamos os de Peche, era un dos poucos sitios onde podías ir comer algo. Había un ao que iamos xuntos o redactor xefe de Peche e máis eu, e no que pediamos sempre un ‘perfecto’, un rico bocadillo que levaba xamón e un bisté de tenreira. A aquelas horas, mentres víamos unha peli de vídeo na antesala do bingo, na cafetería, sabía a gloria. Se rematabamos a ‘cea’ antes das tres, subiamos a xogar algún cartón. Era moi curiosa a xente que se xuntaba naquel último momento; ás veces, eran a mesma dun día para outro, persoas ás que non lles importaba que a esa hora os premios non fosen gran cousa, porque eramos poucos. Daquela, o bingo era, en certos ambientes, unha cousa ‘chic’, á que mesmo os Ozores lle dedicaran unha das súas infumables películas. Co tempo, acabamos por deixar de ir. O meu compañeiro e máis eu volvéramos anos despois, e daquela o bingo xa estaba de capa caída. Dicían que a culpa era do casino que viña de abrir na Coruña. Agora coido que era algo premonitorio, porque o que está a acabar cos bingos, como pasou hai unhas semanas en Lugo, é o xogo en internet, que non deixa de ser un enorme casino virtual.