Óbidos
NA MIÑA primeira viaxe a Lisboa, á volta pasei por Mafra (memorial de Saramago) e Óbidos. A esta última fomos atraídos pola publicidade. Decepcionounos un pouco: teño visto outras cidades amuralladas máis espectaculares e, de feito, a muralla que singulariza a Óbidos case nin a vimos. Anos despois, Portugal fixo uns bucólicos carteis turísticos nos que se vía un rabaño de ovellas colapsando unha das vellas rúas desta histórica vila; o texto dicía: “Hora punta en Óbidos”. Non sei se estes reclamos publicitarios ou a paz que emana do cartel son unha das razóns de que Eta escollera esta localidade, situada a uns 80 quilómetros de Lisboa, para facer alí unha fábrica de bombas. Hai quince anos, deume a sensación de que Óbidos é a típica cidade de interior onde o tempo pasa moi amodo. Hoxe, polo que vexo na tele, xa ten mesmo urbanizacións e rotondas como calquera outra. Pero segue a ser un sitio tranquilo: os veciños andan queixosos porque a Policía portuguesa, a GNR, está facendo moito ruído estourando o que atopou na ‘fábrica’ etarra. Entre nenas británicas desaparecidas, atracadores españois solitarios e terroristas vascos, a GNR está adquirindo unha sona internacional que non sei se será do agrado dos tranquilos portugueses.
Tags: De re varia
