Decálogo para alcaldes

Hoxe vou facer algo que, despois de anos bregando con alcaldes de toda a provincia, sempre desexei escribir: un modesto manual de instrucións para rexedores municipais. Algúns sairán elixidos hoxe; outros terán que agardar ata o día 16 (data na que se constituirán as corporacións locais non impugnadas), pero estaría ben que todos foran tendo presentes algunhas cousas.

1. A oposición ten dereito a vivir e a discrepar. De feito, está para iso: cando vostede reciba unha crítica, non pense que é porque lle teñen manía.

2. Os veciños que vostede cre que non lle votaron tamén teñen dereito a vivir, e os que lle votaron non son os únicos que hai no concello: todos merecen o mesmo trato, e o camiño da aldea (ou barrio) que votou pola oposición está igual de escarallado e merece o mesmo arranxo que o da aldea (ou barrio) no que vostede arrasou.

3. Un ano é tempo abondo para laiarse pola herdanza recibida. Chega para ver o que deixaron os seus predecesores e para decidir que se pode facer a partir de aí. Non está ben chegar ao 2011 (próximas eleccións locais) queixándose de que lle deixaron o Concello a monte e o orzamento gastado. En consonancia co anterior, recorde que ten que traballar para o futuro e non para o pasado.

4. Vostede é o administrador (temporal), pero os cartos non son seus.

5. Ten catro anos para facer cousas. Aínda que os votantes teñan mala memoria, non hai lei que lle obrigue a vostede a deixalo todo (as obras, especialmente) para o final.

6. Gobernar non é unicamente recibir aos veciños no despacho oficial nin só facer obriñas. Tamén consiste en conseguir que a poboación se sinta orgullosa de vivir no seu concello, por miserento que sexa.

7. Pode que as administracións superiores sexan dunha cor distinta á súa. Pode que non o reciban e pode estar ben que vostede se queixe de que pasan de vostede. Pero limitarse a chorar por iso todo o mandato (“coitadiño de min, que o conselleiro non me recibe!”) cansa, demostra pouca imaxinación e pódelle ser contraproducente para os seus intereses electorais.

8. Non faga nada do que se teña que arrepentir ou sentir vergoña cando deixe o cargo. Imaxínese ter que pasar tódolos días a carón dunha estatua súa montado a cabalo: polo menos, intente que o deixen guapo.

9. Ninguén é imprescindible, nin sequera vostede: seguro que o concello sigue a existir se vostede se retira. E seguro que os que o substitúan teñen ideas propias e saben aplicalas.

10. Os da prensa nin trabamos nin queremos afundilo a vostede.

Con este decálogo non pretendo dar leccións morais ou políticas, pero, curiosamente, a medida que o escribía víñanme á mente casos e nomes concretos. A vostedes non?
(Publicado en El Progreso o 27 de maio de 2007.)

Comenta