Adiviña en San Marcos
Había moitas caras longas na zona do PP no pleno do luns na Deputación. Xa o contei onte. O que non contei é que, ao rematar, estes deputados xuntáronse con Xosé Manuel Barreiro, presidente provincial do partido, para facer unha primeira análise dos resultados. Asistiron doce, e iso que no pleno estiveron os quince que forman o grupo. Quince menos doce igual a tres. Que tres faltaron? Pistas: foron unha muller e un alcalde dos que gañaron sobrados. O terceiro supoño que non fará falta dicir quen era, non?
As malas caras eran compartidas por algúns dos populares gañadores e asistentes á xuntanza, como os alcaldes de Friol ou Baralla. O primeiro, Antonio Muiña Pena, estaba preocupado polos malos resultados do partido na provincia; o segundo, Manuel González Capón, porque gañou moi xusto e porque estivo detrás de moitas candidaturas do PP nos Ancares. A meirande parte delas caeron derrotadas.
Por certo, nos Ancares hai un concello no que o partido gobernante gañou aínda que cambiou de candidato nos últimos meses, algo que tamén pasou noutro concello da Mariña e en poucos sitios máis (Alfoz e Ourol). O montañoso é do PSOE; o costeiro, do PP. Digo eu que lles debeu dar sorte iso de que comezan igual: Cervantes e Cervo.

30 de Maio , 2007 - 0:00 am
Amigo Vaqueiro:
Aparte da muller que falas e do que todos sabemos, non faltou ninguén máis. Ese alcalde que gañou sobradamente estivo na reunión e esperou máis de media hora. O que pasou foi que Barreiro tardou algo en chegar e ese alcalde tiña unha reunión con veciños do seu concello e xa o sabiamos todos antes de entrar na sede do P.P.. De todos os xeitos, podo asegurarche que estivo esperando todo ese tempo, pero éralle imposible esperar o retraso de Bareiro.
Saúdos
Antonio Muiña
30 de Maio , 2007 - 0:00 am
A un dos que lle que ten que pedir contas Cacharro é ao Capón de Baralla. Leva 8 anos sen facer nada polo noso concello e aínda por riba quere amañar os do lado. O que tiña que facer era marchar para a casa, é dicir, para Lugo. Porque os seus fillo estudiaron en Lugo pero agora ben que os empadroou en Baralla. Váyase Sr. Capón!!
30 de Maio , 2007 - 0:00 am
Fallo meu: non preguntei por que non acudiu ese alcalde. Grazas pola aclaración, Antonio. E, para terminar de aclaralo, a adiviña non ía por ti.