O pleno de hoxe

O alcalde electo de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, era hoxe o home máis felicitado no pleno da Deputación. El xa apareceu impecablemente vestido “con traxe de alcalde”, como lle dixen: mesmo saudaba como os alcaldes (ou sexa, dando a man e collendo o cóbado do saudado a un tempo)!!!
Houbo moitos populares que foron felicitalo: na foto está co alcalde de Chantada, quen perdeu a maioría, e que estaba moi triste. Aínda que rivais políticos, teñen unha vella amizade. Había outras caras longas en moitos do PP, como a candidata de Guitiriz, que empeorou ao respecto do 2003; ou o alcalde do Incio, que gañou polos pelos; ou o de Baralla, que sacou o sexto edil, o da maioría, por un cento de votos; ou o de Palas de Rei, que é rexedor por dúas papeletas. Por certo, en caso de empate, é curiosa a solución que dá a lei electoral: haberá sorteo.
Pero a Martínez víaselle poderoso, sabedor de que ten argumentos para presentar diante do partido a súa candidatura a presidir a Deputación. Recoñecía que algunha acta de concelleiro débella a outros compañeiros do partido. Por exemplo, parece ser que o alcalde de Pedrafita ten parte de ‘culpa’ nas vitorias electorais do PSOE en Navia de Suarna e Becerreá, ademais da súa, claro. Por suposto, Xosé Luis Raposo Magdalena vai ter tamén argumentos para pedir, polo menos, unha cadeira na Deputación.
E Cacharro? Pois non saudou a Martínez, pero as conversas entre os dous tiveron hoxe unha amabilidade inusitada. O PP rexeitou a petición do PSOE de que se aparque a ‘funcionarización’, para que a estude a vindeira corporación. Pero se noutros tempos isto daría pé a un debate a berros entre o presidente saínte e o aspirante socialista, hoxe case parecían pedirse desculpas por non estar de acordo.
O que si deixou Cacharro foi un par de detalles substanciosos. Antes de dar por iniciada a sesión, aproveitou para “felicitar a tódolos deputados, a cada un, polo resultado que obtiveron”. E cando rematou, despois de rexeitar unha petición do BNG para que se aparcara outro asunto (a adxudicación de cafeterías), avisou de que o goberno provincial vai seguir tomando acordos e aprobando investimentos ou convenios ata o mesmo día 29 de xuño, se fai falla (o 30, previsiblemente, é cando toma posesión a nova corporación). E rematou: “Que queden cousas pendentes é malo, porque iso lles vai deixar máis tarefa”. Díxoo dirixíndose aos bancos do PSOE e do BNG.
Iso si: Xosé Ramón Gómez Besteiro, un dos principais competidores de Martínez pola designación como candidato do PSOE a presidente, non lucía a mesma faciana satisfeita.

29 de Maio , 2007 - 0:00 am
O de Baralla tamén o sentiu por perder ese posto que lle tiña prometido o Sr. Barreiro. O que tiña que facer é demitir e deixar que gobernase en minoría o candidato do BNG. Ese rapaz e o seu grupo teñen ilusión e ganas e ademais as relacións coa Xunta e agora coa Deputación para traer os investimentos que Baralla necesita. Polo ben de Baralla, fágao Sr. Capón.