Os OXG
Os do BNG deron unha rolda de prensa en Lugo sobre os Orzamentos da Xunta de Galicia (OXG) o xoves pola mañá; os do PSdeG, unha pola tarde, previa ao acto público de presentación dos Orzamentos. Na segunda, unha compañeira da prensa dixo: “Paréceme estar escoitando ao BNG pola mañá”. Algo de certo había na frase. Pola mañá, Vega Buxán dixera que os da Xunta non eran uns “Orzamentos partidistas, como os do PP”, pero non sei se crelo de todo. Porque pola mañá os do BNG falaron de investimentos en Industria, de gasto social (ou sexa, Vicepresidencia) e Medio Rural, é dicir, das consellerías que gobernan. Tamén dixeron algo de Vivenda, pero case de esguello, como se non quixeran falar moito deste departamento que dirixe unha independente. De Cultura, nada, que a Cidade da Cultura limita moito o que se pode dicir en Lugo. Pola tarde, os do PSOE falaron moito do cambio e despois, de Traballo e de infraestruturas (ergo, de Política Territorial), que son dúas consellerías súas.
En que coincidiron? Nos conceptos e nas palabras: transparencia, modernización, déficit herdado e, sobre todo, ese plan de cohesión territorial (os famosos 150 millóns para a Galicia interior) que nin Ricardo Varela, a quen lle preguntei directamente, me logra aclarar como se vai distribuír.
En que non coincidiron? Pois no máis sinxelo: nas cifras para Lugo, aínda que pareza mentira: non dicían que as matemáticas non enganan? O PSOE di que o investimento vai ser de 163 millóns; o BNG, de 182. A El Progreso saíanlle 169 na información que publiquei o 31 de outubro. A discrepancia entre as cifras do PSOE é as miñas ten xustificación: os socialistas atribúenlle á provincia da Coruña todo o investimento no tramo As Pontes-Cabreiros da autovía Ferrol-Vilalba; eu fixen unha extrapolación.
Pero o BNG inclúe como investimento en Lugo os 700.000 e pico euros do tramo Liñares (San Sadurniño)-Ortigueira do corredor Ferrol-San Cibrao; ademais, sitúa as cuncas baixas do Miño nesta provincia (!!!) e confunde un nome común (viveiro) con outro propio (Viveiro). E o investimento que Medio Rural ten para “sementes e plantas de viveiro” (con minúscula) xúrolles que é ben alto.
E que non se ría ninguén das cifras do Bloque. Coñezo a políticos doutros partidos que tamén teñen problemas coas matemáticas. Ao final, vai ser certo que non son unha ciencia exacta… e menos se está a política polo medio.
